Fernando Blanco de Lema (Cee, 1796 – A Habana, 1875) foi un veciño de Cee que, tras emigrar a Cuba con tan só 13 anos e facer fortuna alí como empresario, quixo que o diñeiro ganado na illa caribeña se destinase á construción dun dos institutos mais antigos de Galicia (o actual I.E.S. Fernando Blanco).
Inaugurado o 2 de outubro de 1886, e dotado co mais avanzado material pedagóxico e didáctico do momento, cuns profesores altamente cualificados, e cunhas instalacións educativas fora do común no rural galego de finais do século XIX, o Instituto Fernando Blanco converteuse en pedra angular do desenvolvemento educativo, cultural e social da vila da Xunqueira.
Ademais, sobre o solar da súa casa natal, situado nun dos extremos da Alameda, erixiuse a antiga Escola das Nenas, na que recibían educación primaria as rapazas ata os 14 anos.
Fernando Blanco de Lema, e coma él, tantos e tantos emigrantes, tiveron moi claro que os piares básicos sobre os que tiña que asentarse o progreso da nosa terra eran a educación e a cultura, de aí que en Galicia se levantaron unhas 300 escolas ‘americanas’.
QUE FACER:
• Visitar o Museo Fernando Blanco, en Cee, no que se lembra a figura do filántropo ceense e amósase a importante colección de material educativo, artístico e relixioso mercado a finais do século XIX para o centro educativo. A tan só 10 minutos de LiresCa!
• Gozar do Programa O MES DA FUNDACIÓN que se desenvolve todos os anos ao longo de todo o mes de outubro, con actividades para os colexios e para o público en xeral.
Museo Fernando Blanco (foto cedida polo Museo Fernando Blanco)